Sunday 05 de May de 2024

A casa da cultura de Noia acollerá este venres a presentación do libro “Baixo o signo da bipolaridade: a poesía de María Mariño Carou”


 

A presentación contará coa participación do autor, Xosé Luís Sánchez Ferraces, e do alcalde de Noia, Santiago Freire; Xerardo Agrafoxo, da AC Barbantia; e Francisco Castro, da Editorial Galaxia

A casa da cultura Antón Avilés de Taramancos de Noia acollerá este venres 17 de xaneiro, ás 20:30 horas, a presentación do libro “Baixo o signo da bipolaridade. A poesía de María Mariño Carou”, un ensaio sobre a figura da poetisa noiesa escrito polo profesor Xosé Luís Sánchez Ferraces. O autor presentará o libro á veciñanza de Noia acompañado polo alcalde, Santiago Freire; Xerardo Agrafoxo, da Asociación Cultural Barbantia; e Francisco Castro, da Editorial Galaxia.

“Baixo o signo da bipolaridade. A poesía de María Mariño Carou” é unha monografía de Xosé Luís Sánchez Ferraces sobre a figura de María Mariño, poetisa nacida en Noia o 8 de xuño de 1907 e á que lle foi dedicado o Día das Letras Galegas de 2007. Unha muller que se fixo poetisa nas terras do Courel, onde durante 20 anos soportou as súas depresións escribíndoas. Un universo escuro que recolle con pericia e eficacia o profesor Sánchez Ferraces.

Xosé Luís Sánchez Ferraces (Ferrol, 1946) cursou a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. En 1972 obtivo a licenciatura en Filoloxía Románica e posteriormente o Grao coa defensa da tese “Introdución á lectura d’A Coutada de Vicente Risco”. Profesor de lingua e literatura galegas, exerceu o seu labor docente na Universidade de Santiago de Compostela, como profesor adxunto interino, e na Universidade de Vigo, como profesor titular de Escolas Universitarias na área de “Filoloxías galega e portuguesa”. As súas investigacións céntranse na análise e interpretación de textos narrativos e poéticos tanto de escritores galegos (Rosalía de Castro, Vicente Risco, Castelao, Celso E. Ferreiro, Carlos Casares) como de escritores portugueses (José Gomes Ferreira, José Saramago, Mário de Sá-Carneiro) e hispanoamericanos (Julio Cortázar).